FONDOS EUROPEOS
cruzdelsur 01-11-2009 GTM 1 @ 16:35 Tags: GALICIA EN EUROPA 
XORNAL DE GALICIA. QUINTO ELEMENTO. 1 NOV 2009. Asturias defende o que Galicia ignora
Seica se fala pouco en Galicia do futuro inmediato da UE logo da previsible ratificación do Tratado de Lisboa para antes de que remate este ano. A medio prazo, no cada vez máis próximo 2013, modificaranse os criterios para o reparto dos fondos europeos, algo que ven de ser calificado como “aberrante e inaceptable” nunha misiva que sete presidentes de rexións europeas enviaron a Comisión Europea, ao tempo que solicitaban unha entrevista co seu presidente, José Manuel Durao Barroso. De tódalas autonomías españolas, o único presidente que asina este escrito é o asturiano Vicente Alvarez Areces, que está moi preocupado porque o Principado perderá importantes fondos se se confirma o proxecto da CE. Xunto co presidente do Principado de Asturias, asinan o escrito os da Toscana (Italia), Västra-Götaland (Suecia), Bretaña e Aquitania (Francia) , Itä-Uusimaa (Finlandia), e máis das Hébridas Exteriores (Escocia). De cumprirse o previsto, tan só dentro de catro anos variarán os indicadores que deseñan o desenvolvemento rexional de feito que algún tan importante como o Producto Interior Bruto per cápita será substituido por outros máis desfavorabeis nos que primará a concentración da poboación en base a criterios de competitividade.
Na preocupación destes dirixentes da Europa menos desenvolvida, o cambio dos fondos suporán o desmantelamento dunha política rexional europea que supuxo o avance de zonas tan desfavorecidas como Galicia para dar paso a unha reorganización sectorial das políticas europeas das que quedarán ausentes a dimensión e o principio de cohesión territorial. Semella, noustante, que existiría aínda algunha oportunidade se as voces máis necesitadas de Europa, aliadas, conseguen que Durao Barroso asista a unha xuntanza o 27 de novembro, en Marsella, para debater outros criterios para o reparto de fondos. Sen dúbida Galicia tería algo que dicir neste debate, sobre de todo, tendo en conta o impacto que a crise económica deixará nos nosos sectores productivos e pensando no efecto que a reducción dos fondos fará sentir en sectores básicos para nós, como a agricultura ou a pesca. Porén, e polo de agora, a Xunta está máis preocupada por desfacer o camiño percorrido no lento avance da consolidación da nosa autonomía, por abrir frontes de conflicto con calquera opinión desfavorable, con rachar consensos históricos como o da lingua, ou alianzas estratéxicas como a procurada polo goberno bipartito entre Galicia e Asturias. Deixar pasar o tempo sen facer nada significará unha resignada aceptación da perda do dez por cento dos orzamentos galegos que é o que supoñen arestora, euro enriba, euro enbaixo, os fondos que Europa nos fai chegar. Con xestores así, o futuro pinta fatal.

Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario