ALTERNATIVA SOCIALISTA
cruzdelsur 25-10-2009 GTM 1 @ 16:55 Tags: PACHI VAZQUEZXornal de Galicia. QUINTO ELEMENTO. 25-X-09. Pachi Vázquez, galeguista socialdemócrata
Manuel –Pachi- Vázquez chegou ao Parlamento de Galicia en 1993, xusto cando o PsdeG pasaba por unha hora moi crítica logo de que as disputas entre guerristas e renovadores que vivía a organización no ámbito federal, tocara a liña de flotación do partido en Galicia. Daquela era Secretario Xeral Antolín Sánchez Presedo, agora parlamentario europeo, que foi quen chamou a Pachi para ir nas listas de Ourense.
Era un absoluto descoñecido na política galega pero unha figura no seu Carballiño natal onde exercía como médico. A chegada de Pachi ao grupo parlamentario socialista naqueles anos turbulentos servíu de osíxeno a un equipo desmoralizado pola perda de apoio electoral e polo absoluto desencontro que vivía respecto da Executiva do partido en Galicia. En pouco tempo se fixo moi coñecido por facer unhas intervencións vehementes e arrolladoras nas que non deixaba títere con cabeza. Foi un pesadelo para o daquela presidente do Parlamento, o seu paisano Victorino Núñez, con quen mantivo unha relación que se podería calificar de calquera maneira agás cordial. A súa paixón por Ourense e pola súa vila, perfilárono axiña coma un candidato á alcaldía do Carballiño que podería ter moitas oportunidades, mesmo naqueles tempos difíciles para o socialismo en Galicia e no resto de España. Pachi foi unha das honrosas excepcións de Concellos gañados contra corrente. O seu liderado no Carballiño consolidouse co tempo e desde alí pasou a coordenar a tódolos socialistas ourensáns, creando un equipo que segue ao seu arredor e conformando un núcleo duro de traballo eficaz e leal. Algúns pensan que Pachi non é un pata negra do socialismo galego e poida que leven razón, pero sen dúbida é un Fórmula 1, xa moi experimentado logo da súa etapa como Conselleiro de Medio Ambiente e actual Secretario Xeral. Este é o seu momento e apoios non lle fallan, como tampouco fallan os que esperan que se equivoque e sexa pasto do lume para as próximas autonómicas… son cousas da política, pero, aviso a navegantes: Pachi ten sólidos apoios e moitas persoas que se van deixar a pel para que chegue a bó termo. Sen irmos máis lonxe, o xoves pasado estivo arrodeado por tódolos altos cargos do goberno central e representantes do poder lexislativo que proceden de Galicia, nunha cea organizada por Fernando González Laxe, coa axuda de Pilar Pin, que xa vai pola segunda edición. De tódolos presentes, o único que non tiña praza en Madrid era o Secretario Xeral dos socialistas galegos, pero ocupaba o lugar de honra naquela reunión na que se congregaron perto de cincuenta persoas. Pachi falou novamente con entusiasmo e debuxou unha situación para a acción política do PSdeG que, sen descoñecer as dificultades, se albisca como unha oportunidade. Radicalmente a prol das 50.000 persoas que se manifestaran hai unha semana en Santiago criticando a política lingüística de Núñez Feijóo e o seu goberno, foi moi crítico co silencio de voces que aplaudiron os orzamentos á baixa da Xunta e non son quen de recoñecer o esforzo investidor e social dos do goberno central. Procurou a complicidade da súa audiencia comprometéndose a reforzar o debate ideolóxico nunhas siglas veteranas e imprescindibles para o devir do país e da súa cidadanía, e, naquel encontro, demostrou que é unha opción con poder. Para confirmalo, deberá ter a xenerosidade necesaria para pensar Galicia con visión estratéxica, ollada incluínte, corazón galeguista e mente socialdemócrata. Eis unha fórmula necesaria para o noso país.

Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario