
Velaí tedes a Ponte de Rande, un icono da Ría de Vigo que une o estreito que leva o mesmo nome. Cando vamos por autoestrada de Vigo a Pontevedra, percorrémolo gozando dunha panorámica única. Ten unha fasquía que o asemella ao famoso Golden Gate da Bahía de San Francisco, e de feito, todo o contorno ten un aquél co enclave californiano. Da ensenada de Rande fala Xulio Verne en "Vinte mil leguas baixo dos mares" cando o Capitán Nemo conta a historia dos fabulosos tesouros afundidos cando a Batalla que leva o mesmo nome.
E por aquí ando eu, recuperando amigos, familia, lugares, sabores, olores... Ai! esa morriña que nos nace de tan adentro e que tan ben comprendín en Bós Aires onde tantos están enfermos por ela.
Onte estiven visitando o blog dun bó amigo, Alfredo Molares, que se chama "Música y vino", que vos recomendo, e del copio esta idea de ir colocando poemas ou cantigas. Daquela, ven moi a conto o xeito en que o poeta medieval, Martín Codax, cantou a este fermosísimo mar de Vigo. Seguramente xa sabedes que este poeta fixo continuas referencias a esta cidade nas súas cantigas que foron escritas entre os séculos XIII e XIV. Das sete pezas que lle son atribuidas e que forman parte dos cancioneiros da lírica galaico-portuguesa, a primeira, coñecida polo seu verso inicial, Ondas do mar de Vigo, é a que vos deixo.
Ondas do mar de Vigo,
Se vistes o meu amigo?
E ay, deus, se verrá cedo?
Ondas do mar levado,
Se vistes meu amado?
E ay, deus, se verrá cedo?
Se vistes meu amigo,
E porque eu sospiro?
E ay, deus, se verrá cedo?
.........................................
Minha irmana fremosa,
Treydes comygo
A la igreja de Vigo,
Hu é o mar salido,
E miraremos las ondas.


Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »