Semella que este incipiente blog comeza a ter colaboradores espontáneos. Fixádevos o que me envía un "filtrador enmascarado" rescatando un interesante e oportuno artigo de Xan Carballa.
---
NÚÑEZ FEIXÓO, PERITO POSTAL
http://www.xornal.com/article.php?sid=20081211000921
Xoves, 11 de decembro de 2008
O líder do PP de Galiza considera que o seu futuro se pode xogar cos votos rabuñados na emigración e di que calquera cousa que non sexa votar en urna é engano seguro.
A visita do presidente dos populares galegos a Buenos Aires, a fins de novembro, iniciouse cun contacto co ministro de interior arxentino, Florencio Randazzo, ao que lle pediu que velase polo rigor do voto emigrante porque da transparencia do voto na Arxentina se pode derivar o futuro goberno de Galiza. Aparte do insólito de que un líder político español vaia pedir a un dirixente estranxeiro que vele polos resultados do seu sistema electoral, convén revisar algúns aspectos da biografía do político galego que fan del un especialista na materia.
Durante o primeiro goberno de Aznar, Núñez Feixóo foi director xeral de Correos nunha etapa de extrema privatización. Neses anos sucedéronse nos procesos electorais da emigración diversas fraudes na emisión de voto. Aínda está fresca a memoria de cando os documentos de identidade se fotocopiaban e se remitían por correo desde locais do PP en diferentes países de América. No caso arxentino, o sistema postal foi obxecto de privatización polo goberno de Menem e estivo moito tempo en mans de Alfredo Yabrán, un empresario que podería protagonizar unha saga de Coppola, corruptor de políticos que acabou suicidado. ¿A empresa de Yabrán era para Feixóo garantía da emisión limpa do voto da maior colonia de galegos na emigración?

Lembren tamén os lectores que foi nesa etapa de Núñez Feixóo no goberno de Aznar cando o chamado CERA (Censo de Residentes Ausentes) se multiplicou exponencialmente, o que algúns cualificamos, á vista do sistema co que se votaba, como a preparación dunha inmensa fraude electoral.
Pasou o tempo e agora Feixóo converteuse en verdadeira testemuña de cargo contra un sistema que coñecía á perfección. Considera que o seu futuro se pode xogar cos votos rabuñados na emigración e di que calquera cousa que non sexa votar en urna é engano seguro. Daquela, xa que á subcomisión sobre o voto emigrante nas Cortes a marearon para non chegar a ningún porto e visto que non houbo posibilidade de votar en urna, o mellor que se pode propoñer é suspender o voto emigrante até que alguén poida garantir que o sufraxio que se reciba está emitido libremente. E non será tan difícil. Hai dez días, Romanía tivo eleccións. En España hai 500.000 romaneses con dereito a voto e o goberno de Bucarest acordou co español preparar vinte puntos para votar. Acudiron 6.000 persoas. Non se sabe de reclamacións.


Chúzao
del.icio.us
O que aquí se expón non é mais que o que o PSOE está facendo agora mesmo. Por qué vos escandalizades tanto se estades facendo o mesmo? porque antes perdiades e agora gañades gracias aos fraudes? os fraudes electorais son malos veñan de onde veñan. Todos creiamos que coa esquerda viña a transparencia tan reclamada... qué enganados nos tiñades. Gracias por quitarnos a venda dos ollos e axudarnos a ver que sodes igual de ruins e ladrons de votos!