Hermosa Montevideo


http://www.xornal.com/opinions/2009/08/29/Opinion/xunta-perde-sur/2009082920521692623.html
XORNAL DE GALICIA. QUINTO ELEMENTO. A XUNTA PERDE O SUR. 30/08/09
Galicia limita ao sur co Estreito de Magalhâes. A constante perda de capital humano que sofríu o noso país durante case cen anos foi unha desgracia que o decorrer do tempo converteu en oportunidade. Milleiros de mulleres e homes de orixe labrega partiron nunha decisiva e dorosa ruptura cara a Arxentina, Uruguai, Venezuela, Cuba, México ou Brasil, deixando atrás subdesenvolvemento e atraso. No novo mundo atoparon sociedades democráticas, instrucción gratuita, traballo industrial, capacidade para emprendementos comerciais e a posibilidade de que a súa prole estudase e atopase traballos que os que quedaron aquí tardaron moitas décadas -guerra e posguerra incluidas- en conseguir. Aqueles campesiños, probablemente analfabetos, que cruzaron o océano sen máis recursos que a forza de traballo e o impulso de supervivencia, viron como frolecían as súas sementes no alén agromadas en empresarios, médicos, mestres, operarios, artistas ou políticos con apelidos ben galegos. Esa Galicia trasterrada foi quen de construir identidade, símbolos e ideoloxía, como a bandeira, o himno ou o governo republicano no exilio, e de retribuir aos que resistían aquí con escolas, cartos e coidado da lingua e a cultura propias.
Na edición de onte do Xornal de Galicia comecei unha colaboración como articulista de opinión, cunha columna que se chama QUINTO ELEMENTO. Pásovos o link por se é do voso interese:
http://www.xornal.com/opinions/2009/06/21/Opinion/soberbia/2009062017323714287.html
Tamén e seguindo con artigos de prensa, o mércores pasado publiquei outro sobre o peche da Delegación da Xunta en Bós Aires, nunha Tribuna de Opinión de El País. A verdade é que foi moi comentado:
RETROCEDER VINTE ANOS
María Xosé Porteiro
É ben dodado facer demagoxia atribuíndo a unha política de austeridade o traslado das Delegacións da Xunta en Bós Aires e Montevideo a senllos Centros Galegos, pero se trata dunha decisión inxusta que deixa en mans privadas a xestión de asuntos públicos porque traspasa á responsabilidade de atender á cidadanas e cidadáns galegos a institucións que teñen un carácter estrictamente privado, por máis que sexan lugares con moita historia ou con grandes méritos en algúns casos. Fagamos o exercicio de empatía de poñernos na pel dos que viven alá imaxinando ese tipo de solucións aquí.