Ata a súa irrupción na política española, Galicia nunca antes tivera a tantas figuras con papeis destacados nos cenáculos do poder: catro ministerios, secretarías de Estado, Portos do Estado, Tragsa, direccións xerais, entre elas a da Cidadanía Española no Exterior, fundacións públicas, deputados, senadores, asesores... Levan nomes propios que se pronuncian con acento galego en Madrid, conformando un grupo progresivamente compactado e coordenado que se fai ver e sentir cada vez máis. Tamén hai nomes sonoros de Galicia no mundo mediático en grupos moi influíntes, como Telecinco, ou Grupo Prisa, ou axencias de comunicación emerxentes que se asentan na capital do reino para extender a súa influencia e ampliar a súa carteira de pedidos. Política e comunicación fan unha maridaxe complexa pero algunhas cousas –aínda en fase incubatoria– se están a cociñar a 600 quilómetros de Galicia, quen sabe se para contribuír a situala nun punto de máis visibilidade e influencia no conxunto da política española.
Pepe Blanco é –en boa parte– o responsable deste cambio profundo e hai que recoñecerlle visión estratéxica e ambición pouco frecuentes ata o de agora na nosa aportación á política española. Logo de encontros e desencontros co anterior secretario xeral do PsdeG que remataron cun distanciamento total despois da perda da Xunta en marzo pasado, e valedor de candidatos importantes en alcaldías emblemáticas como Lugo ou Vigo, observa protector ao novo secretario xeral, Pachi Vázquez, na súa eclosión como líder do socialismo galego nesta etapa que ninguén sabe se vai ser de transición a medio prazo ou de chegada a porto nos tres anos e medio que restan ata as próximas eleccións autonómicas. En paralelo e xogando unha simultánea, a carteira ministerial que decide, xestiona e manexa as infraestruturas e as comunicacións por terra, mar e aire, pende da súa man firme mentres remonta desencontros producidos na etapa da súa antecesora –hoxe comodamente reubicada no Parlamento Europeo–, consegue unha fluida comunicación co máis selecto do tecido empresarial, presume de tecnoloxía ferroviaria ante os ollos admirados da nova administración norteamericana, recibe un forte pulo coa nova Lei de Economía sostible e pon en hora o reloxo que marcará a chegada do AVE á súa Galicia soñada, case un lustro despois do que as crónicas oficiais se atreveran a pronosticar ata a súa incorporación ao Ministerio de Fomento.
Tiña vinte anos cando o PSOE chegou á Moncloa por primeira vez en 1982. A súa andaina, con corenta e sete anos cumpridos, dá vertixe: o seu pai foi peón camiñeiro empregado do mesmo ministerio que hoxe dirixe. A súa nai foi modista. Estudiou en Lugo e Santiago. Destacou nas Xuventudes Socialistas e presidiu o Consello da Xuventude de Galicia. Foi un dos senadores máis novos de España. Deputado e artífice da victoria de ZP como secretario xeral, chegou á Secretaría de Organización dun PSOE ao que liberou do estupor no que o sumiran as sucesivas victorias de Aznar. Aprendiz de bruxo da comunicación e do márketing político, soubo arrodearse de xente moi nova que hoxe están todos en lugares destacados da política española. Desde xullo do ano pasado é vicesecretario do partido e desde mediados de marzo converteuse no ministro máis poderoso do segundo goberno Zapatero.
Cabe preguntarse cal será o novo chanzo para esta carreira imparable sen ignorar que calquera acción que saia do seu maxín terá sido meditada e analisada desde tódolos ángulos posibles.