Sobre o expolio da sanidade pública para a Galicia exterior
XORNAL DE GALICIA. QUINTO ELEMENTO. 8 NOV 09.
Feijóo, perdido entre Miami e Bós Aires
Antonte en Miami, o director de El Mundo, Pedro J. Ramírez, dixo tras recoller o galardón de “Español Universal” no mesmo acto en que o fixo Bisbal -e pensaba telo recibido Núñez Feijóo-, que ese premio está concebido como “unha ponte entre España e América”, pero mira por onde, o presidente galego decidíu horas antes non cruzar o charco e desaproveitar tan magna oportunidade de demostrarlle ao mundo que está cheo de méritos polo seu gran labor a prol de España nos Estados Unidos. De España, si, leron ben, ainda que nos numerosos comunicados dos días anteriores á entrega dos premios e para contrarrestar as críticas da oposición, argumentáronse cousas tan peregrinas como que o recoñecemento non era para Núñez Feijóo, senón para a Xunta, . Tamén resullta grotesco xustificar que o presidente “tentaría conseguir” –qué vergoña- que se poidese proxectar un video do Xacobeo 2010 nuha cea de gala na que, para poder asistir hai que ir de rigurosa etiqueta, pagar entre 300 e 350 euros, con alfombra vermella, cóctel para os asistentes, cea de tres platos, presentadores mediáticos e un público formado por un cento de representantes de empresas españolas coas que, por certo, tamén se podería reunir aquí nun contexto máis formal e menos festivo, nestes tempos de austeridade. Porque o que que non contaban os comunicados oficiais é que ata o de agora o criterio de elección dos premiados foi primar o “famoseo” de españoles residentes ou vencellados con EEUU como Julio Iglesias, Alejandro Sanz, David Bisbal, Antonio Banderas, Pau Gassol, ou ser un líder do PP como José María Aznar ou Rodrigo Rato. Pero a gravidade desta historia é a constatación de que non se estaba ante unha viaxe de contido real senón ante unha mera plataforma de relacións públicas inspiradas no showbussines e montada por algún equipo que non distingue entre a seriedade da acción política e a xustificación artificial de buscar unha foto nun foro puramente propagandístico ao outro lado do oceano. A cousa empeora cando, precisamente nesta hora, a política exterior galega pasa polas súas horas máis baixas e raia o esperpento logo da falcatruada que a Xunta pretende perpretrar contra a atención sanitaria pública dos galegos no Hospital do Centro Galego de Bós Aires e sobre a que non vou insistir porque desde este xornal se ten informado convenientemente. Algunha cabeza haberá que poñer sobre a mesa para rectificar todo este desaguisado: altas autoridades, en persoa ou por teléfono, coaccionando e ameazando aos representantes das colectividades galegas na capital arxentina, para que acepten e aplaudan unha decisión que deixará aos pés dos cabalos a unha poboación na que hai moitos maiores que precisan de atención médica, pero sobre todo, unha institución centenaria e de enorme carácter simbólico sobre a que existía unha ollada sensible e un plan de reflotación que comezou con Fraga e seguiu con Touriño. Por certo cun delegado da Xunta desaparecido en combate e cun Secretario Xeral de Emigración que axiña terá que fixar a súa residencia na capital rioplantense porque pasa alí a maior parte do seu tempo (por certo, cánto percibe por dietas –alén do seu salario- e cánto pagamos pola súa estadía cada día que pasa fóra de Galicia?). Que Feijóo vaia a Miami ou se quede en San Caetano é absolutamente irrelevante neste momento onde a crise política exterior se está a vivir no Cono Sur, por máis que o xustifique cun ataque de responsabilidade pola desgracia do “Alakran” que era tan importante na véspora da entrega dos premios, coma o día seguinte cando se decide non asistir. Cheira a demagoxia.

Chúzao
del.icio.us

